12 de maio de 2016

O XOGO DO CHIFLO

Hoxe visitounos na biblioteca un personaxe curioso chamado CHIFLO. Fixemos un obradoiro moi interesante -decoración dun cubo- con diferentes probas para achegarnos a historia, monumentos, personaxes importantes e lendas da nosa cidade. Esta actividade foi posible coa colaboración do concello de Pontevedra.

Asi organizamos a tarefa:
1º-Comparamos fotos antigas e modernos de seis localizacións emblemáticas de Pontevedra (cara cor azul)
2º-Pasamos a linguaxe Braille o texto dun poema de Manuel María sobre a nosa lingua (cara cor vermella)
3º-Debuxamos a Urco, segundo a descrición narrada (cara cor negra)
4º-Escribimos o nome de personaxes senlleiras vinculadas a nosa cidade (cara cor verde)
5º-Escollimos unha tradición ou festividade típica (cara cor amarela)
6º-Montamos un pequeno libriño sobre a lenda de Teucro (cara cor crema)


11 de maio de 2016

DÍA XENIAL NO SALGUEIRAL


Hoxe o alumnado de terceiro visitamos o Sagueiral na parroquia de Bora para participar dunha actividade coordinada por Anias [Xestión e formación sociocultural], coa colaboración da Comunidade de Montes do Salgueiral e o Concello de Pontevedra.


A actividade achegounos ao proceso artesanal da lá: 
-Rapa dunha ovella.
-Lavado e cardado da lá.
-Mostra das ferramentas de fiar (fuso, roca).
-Proceso de tinguido natural.
-O tear.

O noso percorrido, no que fomos guiados polos monitores de Anias e o Señor Evangelino,  levounos por varias fincas e casas de veciñas e veciños que amosaron con cariño, dedicación e paciencia información sobre un modo de vida que se nos fai moi alonxado no tempo, pero que forma parte das nosas raíces, da nosa cultura e tradición.
Escoitamos con moita atención as explicacións do Sr. Basilio e o Sr. Evangelino, ademais de visitar o eirado da casa, a lareira e forno dos De Simón.
Tamén houbo tempo de merendar e xogar un pouco.
Foi un día especial que esperamos poder repetir.

7 de maio de 2016

XXII CROSS ESCOLAR VILAVERDE


O alumnado de 3º na categoría BENXAMÍN  participou o sábado, 7 de maio, no cross escolar organizado no noso colexio pola ANPA.
Valoramos a ilusión, o entusiasmo e o esforzo amosados por todo o alumnado e as familias participantes.

6 de maio de 2016

ACTIVIDADE DE CETRERÍA


Hoxe tivemos unha curiosa visita na biblioteca e no patio do cole. Desde Figueirido, procedentes da Brigada Galicia VII (Unidade do Exército de Terra Español), Hermione e Patriota, dúas aguias harris centraron toda a nosa atención. Estaban acompañadas por dous militares que amablemente achegáronnos ao mundo da cetrería. 
Primeiro, Nuria, militar coidadora destas aves, fixo unha presentación na pantalla da biblioteca, explicou e contestou ás nosas preguntas. As dúas clases de terceiro estabamos moi atentas e procuramos ter a máxima concentración para non "poñer nerviosa" a Hermione que seguía a charla como unha alumna máis. Recordamos cousas aprendidas sobre as aves e aprendimos moitas novas sobre esta especie de falcón.
-Patriota é a mascota e aparece no emblema da Brilat Galicia VI, sae voando nos seus desfiles.
-Pesa aproximadamente 1 kg e ten 50 cm de alto con case 2 m de envergadura cas súas ás despregadas.
-Encántalle o baño e xogar coa coidadora.
-É moi querida na base e moi sociable.
-A súa comida preferida é a codorniz.
-Non se leva ben cos cans.
-Adoita subirse ao alto dunha árbore (ou tellado...como asi demostrounos) para observar todo o que a rodea.
Despois baixamos ao patio para observar como Patriota voaba de brazo a brazo entre os dous coidadores...ata que cansa despois dunha mañá de exhibicións cos diferentes cursos, decidiu voar máis alto e observarnos desde o alto da cuberta do patio. Entón achegámonos, en orde e seguindo instruccións dos coidadores, para agarimar a Hermione. Nese momento, Patriota decidiu baixar e tamén deixouse "acariciar" antes da nosa despedida.


5 de maio de 2016

REPRESENTACIÓNS GRÁFICAS

Estes días pasados que traballamos coa prensa atopamos noticias que viñan acompañadas de gráficas. Tamén en Ciencias Sociais cando traballamos cos mapas e cando buscamos información sobre vilas e cidades atopamos diferentes representacións. Eso levounos a interpretar diferentes modelos de gráficas e comentar como aparecen os datos.
Clicando na seguinte imaxe podemos traballar estas representacións e resolver moitos e variados problemiñas:

PROBLEMAS CON GRÁFICAS